Thursday 19 de September de 2024

O Concello amplía as subvencións para comedores escolares


Para abrir a posibilidade de que se beneficien un maior número de persoas, desde o próximo luns día 5 e ata o 13 de agosto estará aberto o prazo extraordinario para solicitar subvencións para comedores escolares. As axudas seguirán sendo para cubrir o 100 %, o 60 % ou o 40% do custo do comedor, en función da renda familiar de cada neno ou nena, pero ampliáronse os límites de ingresos respecto aos establecidos inicialmente.

 

Todas as persoas que xa presentaron a súa solicitude no período ordinario serán valoradas en base aos novos criterios económicos, polo que non terán que volver a presentarse. As novas solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Oleiros, nas oficinas de Servizos Sociais en Villa Echeverry en Perilllo (avenida Che Guevara 45) ou a través da Sede Electrónica.

 

A convocatoria está dirixida ao alumnado dos centros públicos de Oleiros nos que o servizo de comedor é xestionado polas ANPAs e coas que existe un convenio de colaboración para a xestión destas axudas. Todas as familias que teñan dereito a percibir estas prestacións poderán beneficiarse desde o primeiro día do curso escolar, sempre e cando tramiten a solicitude no prazo da convocatoria.

 

O Concello de Oleiros agradece a todas as persoas que forman parte dos equipos directivos das ANPAs dos distintos centros a súa dedicación en beneficio do benestar dos nenos e nenas de Oleiros, así como a súa xestión para facilitar a tramitación e pagamento destas subvencións municipais.

 

 

MÁIS INFORMACIÓN: https://www.oleiros.org/inserci%C3%B3n-social/-/asset_publisher/b7mp7IIvqmfc/content/id/1269655